Saturday 04 de May de 2024

As Somozas investirá máis de 115.000 euros nas obras de construción da senda peonil que une A Toca con Pena de Eiriz


• A intervención está subvencionada pola Deputación da Coruña e contempla a realización dunha travesía peonil de 400 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho.

• Previo á execución do pavimento contémplase a canalización e arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais e para iluminación pública. Ademais, colocarase unha varanda en aceiro inoxidable para optimizar a seguridade viaria.

O Concello das Somozas investirá máis de 115.000 euros no proxecto de construción dunha senda peonil na estrada AC-861 da Toca, que conformará o último tramo e a unión entre a senda da Toca e a senda de Pena de Eiriz.

Esta intervención, financiada pola Deputación da Coruña, contempla a realización desta travesía peonil de 400 metros de lonxitude e 1,80 metros de ancho. Ademais, previamente á execución do pavimento contémplase a canalización e arquetas con sumidoiro para recollida de augas pluviais e para a instalación de luminarias e iluminación pública.

A actuación tamén recolle a instalación dunha varanda en aceiro inoxidable para optimizar e reforzar a seguridade viaria.

O alcalde, Juan Alonso, subliña “a importancia que teñen estas intervencións para seguir mellorando as comunicacións e infraestruturas do municipio e facilitando o día a día da nosa veciñanza e dos turistas que se acheguen á nosa vila”.